O Proxecto

Desbordes é unha exploración, un exercicio de análise, unha investigación e unha teima. Un camiñar errático polas sendas baleiras que esgazan o monte comunal de Moreiras (Ourense). Unha intersección entre razón e tolemia. Unha incomprensión. Unha liberación.

O Hospital Psiquiátrico de Toén, bautizado como «Cabaleiro Goás» en recoñecemento do que durante máis de 40 anos fora o máximo reitor da institución, foi un manicomio da vella escola. Fundado no ano 59, atravesa as conflictivas reformas psiquiátricas dos 80 ata o peche definitivo das súas portas no ano 2013. Máis de 50 anos de historia que seccionan, como a folla do historial clínico a vida dun paciente, a psiquiatría na España tardía e na Galiza rural.

Desbordes propón elementos para aborda-la reflexión sobre a «evolución» da comprensión, categorización e tratamento da saúde mental en Galiza, a través da lectura e análise crítico da historia situada dun sanatorio concreto, o Cabaleiro Goás. Unha achega a enfoques diversos, co fin de reconstruí-las súas dinámicas mapeando o contexto sociocultural-histórico no que se desenvolve.

Un pequeno mundo á “marxe”, con dinámicas e características que o converteron nunha experiencia singular.